Denuncia contra Telefónica por substituír ao persoal en folga con traballadores propios
De xeito paralelo, a Sección Sindical da CIG-Movistar en Pontevedra vén de solicitar reunión urxente do Comité para abordar esta medidaA CIG-Industria presentou esta mañá denuncia na Inspección de Traballo da provincia da Coruña para que investigue a presumíbel asignación a persoal propio dos servizos que Telefónica ten externalizados e que realizan os traballadores das contratas e subcontratas, xa que esta medida suporía unha actuación ilegal e unha manifesta vulneración do dereito á folga.
No escrito remitido esta mañá á Inspección, a Federación de Industria solicita que se investiguen estes feitos, se requira a Telefónica-Movistar para que desista de inmediato nas súas pretensións e se levanten as oportunas actas de infracción.
A central sindical presentou a denuncia nada máis ter coñecemento –a través das queixas do propio persoal da operadora- de que Telefónica comunicara verbalmente a súa intención de asignar tarefas de reparación de avarías ao seus traballadores/as, cando esta actividade está totalmente externalizada.
Esta medida, denuncian dende a CIG-Industria, suporía unha suplantación do persoal en folga e, polo tanto, unha vulneración do exercicio deste dereito fundamental. Por iso, reclaman da Inspección unha actuación urxente e contundente contra calquera esquirolaxe promovida dende Telefónica. Ademais, de constatarse esta substitución, estenderase a denuncia ao resto das provincias.
De xeito paralelo, a Sección Sindical da CIG en Telefónica Pontevedra vén de remitir escrito ao Comité solicitando unha xuntanza urxente da comisión de xestión para tratar a asignación de traballo ao persoal de Operacións de Telefónica e acordar unha postura común para trasladarlle á empresa.
Proseguen as mobilizacións
Así as cousas, este xoves, os traballadores e traballadoras cumpren o terceiro día da folga convocada en demanda do cumprimento dos convenios de aplicación, a limitación da subcontratación en cadea e o recoñecemento do dereito á subrogación. Para dar visibilidade ao conflito, o persoal prosegue coas mobilizacións diarias diante das centrais de Telefónica, as sedes das empresas subcontratas e os repartos de follas informativas explicando as razóns da folga.
Así mesmo, esta tarde está prevista unha reunión nas instalacións de Liteyca en Bergondo (unha das principais contratas de Telefónica-Movistar) para tratar os dous despedimentos executados pola empresa, a consecuencia do perverso sistema imposto pola multinacional presidida por César Alierta.