lahaine.org
Nacionales Galiza :: 08/09/2022

Atención! Perigo de ser agredido pola policía se camiñas polo “lado errado da rúa”

Guillermo Martínez
Un mozo galego, vítima dunha agresión policial en Madrid, sufriu unha fractura de cúbito que lle supuxo catro meses de baixa laboral e unha mudanza importante de vida.

Un mozo galego, vítima dunha agresión policial en Madrid, sufriu unha fractura de cúbito que lle supuxo catro meses de baixa laboral e unha mudanza importante de vida. Sen ter nada a ver cos altercados que se estaban producindo, recibiu o golpe dun axente. A xustiza di que este actuou de maneira correcta e o mozo puido ter evitado a agresión se tivese circulado polo outro lado da rúa. “Supón que os axentes poden golpear impunemente calquera persoa”, di xurista.

Esta historia podería resumirse de moitas maneiras. A primeira é que un mozo, vítima dunha agresión policial, sufriu unha fractura de cúbito que lle supuxo catro meses de baixa laboral e unha mudanza importante de vida. Ou podería contarse como o caso dun mozo que, sen ter nada a ver cos altercados que se estaban producindo, recibiu unha pancada dun axente. Ou tamén, segundo determinou a xustiza, pode resumirse da seguinte maneira: o axente actuou de maneira correcta e o mozo puido evitar a agresión se tivese circulado polo outro lado da rúa. Os avogados consultados, no entanto, consideran que se trata dunha historia moi grave: “Supón que os axentes poden golpear impunemente calquera persoa”, denuncian.

Os feitos ocorreron o 19 de outubro de 2019 en Madrid. Había unha manifestación en solidariedade cos presos do Procés catalán que terminou con disturbios. O mozo, de 30 anos, un deseñador gráfico de Galiza que prefire ocultar o seu nome, asegura que non participou na manifestación. Segundo explica, quixo saír pola boca de Metro situada no centro da Praza de Callao mais non conseguiu porque dous axentes non uniformados obrigárono a tomar outra saída. Subiu á rúa, entón, pola Gran Vía, onde foi espancado por tres axentes da Unidade de Intervención Policial, como pode observarse nun vídeo gravado por un xornalista que lle serviu de proba nos xulgados cando denunciou o que tiña acontecido.

A xustiza –en primeira instancia e, posteriormente, a Audiencia Provincial de Madrid– confirmou que se produciu aquela agresión, mais arquivou o procedemento pola vía penal ao considerar que o policía identificado non cometera ningún delito. O xuíz dá por válidos os argumentos do axente: “O investigado golpeouno no brazo evidentemente mais non tiña por obxectivo causar unha lesión no ombro para danar o denunciante, senón que o seu obxectivo era dispersalo e afastalo do lugar, sen que se observe no visionado do vídeo achegado especial saña contra o prexudicado (…)”.

Nas súas alegacións, o axente tamén argumentou que o afectado podería cruzar a rúa e así non tería sido espancado. E as mesmas resolucións xudiciais inciden niso: “O prexudicado puido saír do Metro por outra saída e mesmo baixar a rúa e ir ao outro lado onde non se estaban producindo cargas de dispersión da policía antidisturbios a grupos de axitadores. Ao non facelo, puido ser confundido como un deles e meteuse de cheo en zona de risco, sendo golpeado para ser dispersado e recibindo doutros policías, compañeiros do investigado, pancadas na perna e no glúteo».

O avogado da vítima, Alejandro Sánchez, reflite sobre esa consideración: “Eu insistín en que a cuestión non é por onde camiñas, senón que a policía bata nunha persoa que non está no medio duns disturbios e que en ningún momento se mostrou violenta”, explica Sánchez, que destaca que ficou documentado co visionado das cámaras do Metro que o mozo dicía a verdade, que non participara nos altercados. Como consecuencia daquilo, sufriu unha fractura do cúbito dereito, segundo recolle o informe médico, que lle supuxo catro meses de baixa laboral e non poder manterse por si propio na capital.

Na desestimación do recurso na Audiencia de Madrid, o auto conclúe que «a agresión […] non resulta nin excesiva nin desproporcionada, por máis que o resultado lesivo sexa máis grave como consecuencia do movemento instintivo ou reflexo do denunciante”. No entanto, o tribunal si recoñeceu unha posíbel responsabilidade administrativa por parte do Estado. “Realizamos unha reclamación patrimonial ao Ministerio do Interior. En síntese, respondéronnos que aquela intervención se axusta a dereito porque se estaban producindo incidentes violentos no contorno”, engade o avogado.

Segundo a resolución final do expediente administrativo, “a súa conduta [a do afectado] supuxo unha voluntaria asunción do risco e, portanto, con independencia de que participase ou non nos feitos, asumiu o feito de poder ser considerado como partícipe e potencial suxeito pasivo das accións que se cometesen para restaurar a orde pública”. Quer dicir, o Ministerio do Interior recusa a reclamación patrimonial de acordo ao “deber xurídico de soportar o dano”, tal e como o define o avogado.

“Esta resolución permite que a Policía Nacional espanque calquera persoa, estea a alterar a orde pública ou non, con tal de restablecelo”, asegura o especialista en Dereito Penal de Rede Xurídica Daniel Amelang. Do seu punto de vista, tanto o axente, primeiro, como o Ministerio do Interior, despois, poderían dicir unha serie de cousas que explicarían os feitos. “Poderían dicir que foi unha lesión que se provocou sen intencionalidade, que o Policía fallou ao querer dar a outra persoa ou mesmo que o axente cometeu un erro e pensaba que o denunciante cometía actos violentos e por iso batera nel”, exemplifica.

Se iso fose esgrimido nos autos xudiciais, probaríase a acción ilegal, aínda que sen intencionalidade. “Faltaría a parte subxectiva do delito, porque a obxectiva está clara: golpear o suxeito”, sostén Amelang. Aínda así, este avogado considera que o arquivamento da causa podería ser rebatido, mais nada diso pasou porque o caso foi encerrado concluíndo que o axente actuou de forma correcta. “E iso é o realmente grave, porque tamén confirma que se recoñece á Policía a potestade de utilizar a violencia para restablecer a paz pública, e iso pode implicar golpear conscientemente persoas que non cometen ningún delito”, engade.

“O que di a lei e os protocolos policiais –subliña o penalista– é que se debe usar a forza mínima imprescindíbel e sempre orientada a terminar coa actitude violenta do individuo. En vez diso, esta resolución establece que é permitido mallar naqueles que cometen un delito e nos que non, só por estar perto do lugar dos feitos”. Segundo a análise de Amelang, “é como dicir que alguén foi golpeado por transitar un determinado bairro ou vestir dunha forma concreta. Se atracan alguén no lado esquerdo da Gran Vía, ningún xuíz diría que non hai delito porque a vítima podía ter circulado polo lado dereito”.

Asentado na capital, este deseñador gráfico asegura que non puido valerse por si propio desde aquel momento: “Aquilo fíxome perder a miña vida en Madrid, alén de vivir coa sensación horríbel de ter sido agredido pola Policía Nacional de forma gratuíta. Sen o cheirar, rompéronme o brazo”, rememora o afectado, que se viu obrigado a retornar á súa Galiza natal xunto coa familia.

El mesmo, despois da súa experiencia, considera que “non é fácil enfrentar xudicialmente a Policía” e, aínda que afirma que non pode dicir nada de certo, parafraseando as súas palabras, cre que “hai unha especie de esquema no sistema xudicial que sobreprotexe os axentes”.

Amelang conclúe que, se non recae ningún castigo sobre os axentes que agridan indiscriminadamente nunha situación de alteración da orde pública, tanto as persoas que o alteran como as que non, afirmase que “un policía pode golpear persoas que non fan nada”, nas súas propias palabras.

La Marea

https://esculca.gal/atencion-perigo-de-ser-agredido-pola-policia-se-caminas-polo-lado-errado-da-rua/

 

Este sitio web utiliza 'cookies'. Si continúas navegando estás dando tu consentimiento para la aceptación de las mencionadas 'cookies' y la aceptación de nuestra política de 'cookies'.
o

La Haine - Proyecto de desobediencia informativa, acción directa y revolución social

::  [ Acerca de La Haine ]    [ Nota legal ]    Creative Commons License ::

Principal