lahaine.org

compartir

                          

Dirección corta: https://lahaine.org/fS07

convertir a:
Convertir a ePub  ePub        Convertir a pdf  pdf

  tamaño texto

  enviar          imprimir


traductor

30/04/2020 :: Nacionales Galiza

[Video] A CIG reclama, neste Primeiro de Maio, “protexer a clase traballadora, non o capital”

x CIG
CIG reclama este primero de mayo "Proteger la clase trabajadora, no al capital" en una Galiza soberana y con futuro

A CIG presentou esta mañá, en videoconferencia, a campaña arredor da que xirará este ano a súa conmemoración do Primeiro de Maio, Día Internacional da Clase Obreira. Unha xornada que a central sindical celebra baixo o lema “Protexamos a clase traballadora, non o capital. Por unha Galiza soberana e con futuro” e que este ano estará marcada pola situación de emerxencia sanitaria. Por iso o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, fixo un chamamento a manter o carácter combativo e reivindicativo da data, a que se penduren das xanelas e balcóns bandeiras da patria e vermellas e a entoar, ás 12:00 horas do mediodía a Internacional.

Carril, apuntou que cómpre mobilizarse para exixir “políticas que garantan os nosos dereitos como clase traballadora, o benestar das maiorías sociais, pero tamén a autodeterminación, a soberanía dos pobos e nacións, para construír un mundo moi necesitado de solidariedade, cooperación, igualdade e paz”.

Denunciou que aínda que o covid-19 ataca a poboación en xeral, “o seu impacto discrimina entre persoas ricas e pobres, non afecta por igual a todas ás clases sociais”, polas grandes desigualdades económicas e a inxustiza social, consecuencia “das devastadoras políticas neoliberais aplicadas desde a crise financeira”.

Lembrou que a crise sanitaria converteuse nunha crise económica e social que ademais ten lugar cando “xa estabamos dentro dunha recesión económica”. Por iso advertiu que non se pode permitir “que desta nova crise neoliberal este sistema pretenda recuperarse do seu fracaso, de tanta adoración do privado e criminalización do público, cun novo saqueo á clase traballadora”.

Papel de Feixóo

A ese respecto sinalou que no caso concreto de Galiza “estabamos de cheo nunha crise social, industrial, demográfica que xa de por si tiña o impacto dunha situación de emerxencia nacional e social” e denunciou que a xestión da crise sanitaria polos gobernos galego e español “vai na dirección contraria a unha saída xusta para a clase traballadora e para o pobo galego”.

Nese sentido manifestou o seu rexeitamento polo feito de que todos os decretos de estado de alarma aprobados deixaran en suspenso “as xa de por si limitadas competencias e capacidades de Galiza”. Unha recentralización que considerou que serviu “de escusa perfecta ao Goberno de Feixoo para tapar o seu proxecto ruinoso para o noso país, baseado nun modelo dependente e antigalego, reaccionario e privatizador da sanidade pública e da atención ás persoas maiores”.

Ademais denunciou que nesta crise “xogou a ampliar o caos, o abuso patronal e a inseguridade para quen traballa”, ademais de facer anuncios electoralistas. En concreto lembrou que “Feixoo favoreceu, co atraso da aprobación dos ERTE, que as persoas traballadoras non puidesen cobrar en abril” e que agora ”quere aparecer como salvador ofrecendo créditos a quen lle negou o cobro do salario, demostrando así o miserábel que é facendo electoralismo co pan das traballadoras/es e as súas familias”.

Profesións esenciais, feminizadas e desvalorizadas

Carril rexeitou que as medidas adoptadas polos diferentes gobernos tiveran “unha maior e descarada preocupación pola saúde da economía que pola saúde da poboación”, como se demostrou “cando se negaron a parar todo, agás as actividades esenciais, pola emerxencia sanitaria, ou no escaso control para garantir un traballo en condicións seguras para os sectores en activo”.

Considerou que o que tamén demostrou esta crise foi que as profesións feminizadas “resultaron servizos esenciais e imprescindíbeis para o sostén da vida” mais denunciou que “seguen a estar desvalorizadas, desenvolvéndose en condicións de precariedade e inseguridade”.

Propostas da CIG fronte as medidas inxustas

O secretario xeral da CIG denunciou “ a imposición de fórmulas inxustas, desde o primeiro día, que se fundamentan nas reformas laborais, como foron os ERTES indiscriminados, os despedimentos masivos, o teletraballo sen dereitos e control e os permisos e reducións de xornada para coidados da poboación vulnerábel”.

Por iso apuntou toda unha serie de modificacións legais e de financiamento público urxentes das que deu conta. En relación aos ERTES, denunciou que calquera prórroga en base ás medidas acordadas conforme ao Decreto 8/2020 e seguintes “constitúe un abuso e grave prexuízo para a clase traballadora”. Por iso demandou a derrogación das reformas laborais do 2010 e 2012, “restablecéndose, como versión menos mala, a vixente con anterioridade, durante todo o tempo que non poida entra en vigor un novo marco legal”.

Demandou ademais a “prohibición de simultanear a aplicación dun ERTE con calquera outra medida consistente nun descolgue salarial, inaplicación de convenio colectivo, de modificacións substancial das condicións de traballo ou de mobilidade xeográfica e/ou funcional”. 

Garantías de cobro para as traballadoras e traballadores afectados

Xunto a isto, exixiu o pago inmediato do paro, habilitando un procedemento especial e extraordinario, coa confección nóminas para efectuar os pagos semana a semana, até a posta ao día que permita retomar os pagos a mes vencido porque, advertiu, “manter a forma ordinaria de pago das prestación é causar un retraso de graves consecuencias” ou garantir o cobro, durante todo o ERTE, do 70% da base reguladora de cada persoa traballadora.

Ademais demandou que no pago das prestacións por desemprego á persoa traballadora non se lle desconte 4,7% da base de cotización e defendeu que teñan a mesma consideración, á hora de acollerse a todas as medidas referidas a esta protección do SEPE, todas as persoas traballadoras, “incluíndo as que foron despedidas por causa desta situación ou que desde o 1 de xaneiro estiveran xa no desemprego percibindo prestación por desemprego”.

Xunto a isto defendeu que todo o tempo de desemprego, desde a data que tivo lugar por despedimento ou aplicación de ERTE por causa do covid-19, entenderase por non consumido e que “toda persoa traballadora, independentemente do tempo cotizado, teña dereito á prestación por desemprego”.

Controlar a fraude empresarial

Carril explicou ademais que a CIG considera imprescindíbel que,para poder acollerse ao ERTE, as empresas cumprancondicións e garantías como completar até o 100% dos salarios ou reincorporar progresivamente a todo o persoal temporal da empresa principal ou externas (ETT,s , empresas multiservizos…) que foi despedido e, como data límite, o último mes de vixencia do ERTE. Isto xunto coa garantía de incremento salarial dos convenios colectivos pendentes de renovar de acordo ao 1%, en función do IPC real final do ano 2019 e da aplicación das cláusulas de revisión salarial.

En relación ao teletraballo o secretario xeral da CIG demandou “control e garantías sobre o dereito á desconexión dixital, dereito á protección de datos e uso de internet”.

Canto ás reduccións e adaptación de xornada para atención á poboación vulnerábel, incidiu en que as empresas teñen que garantir a súa concesión automática a solicitude da persoa traballadora, mais demandou que se garanta que as persoas traballadoras que non teñan outra alternativa, non vexan reducidos os seus ingresos en máis do 30% da súa base de cotización”, nomeadamente as familias monoparentais.

Financiamento dos gastos derivados desta situación extraordinaria

Paulo Carril recoñeceu que esta situación e, nomeadamente as medidas propostas pola CIG, xeran un importante gasto público. Por iso propuxo financialo por dúas vías de execución imediata. Por unha banda propuxo a aprobación urxente dun paquete de medidas fiscais, coa creación dun imposto sobre os beneficios extraordinarios da banca e os activos financeiros e a eliminación dos privilexios fiscais das SICAV e grandes Empresas e, pola outra, demandou o desvío das partidas destinadas aos gastos militares e da Casa Real nos Orzamentos Xerais do Estado en vigor, nas contías necesarias para afrontar este gasto público.

compartir

                          

Dirección corta: https://lahaine.org/fS07

 

Contactar con La Haine

Envíanos tus convocatorias y actividades!

 

La Haine - Proyecto de desobediencia informativa, acción directa y revolución social

::  [ Acerca de La Haine ]    [ Nota legal ]    Creative Commons License    [ Clave pública PGP ] ::

Principal