lahaine.org
Nacionales Galiza :: 19/02/2015

Concentración da CIG en Teleperformance contra os despedimentos e os abusos laborais

CIG
A Sección Sindical denuncia que nos últimos catro anos a empresa recortou case 200 empregos na Coruña mentres incrementa persoal noutros centros

Concentración da CIG en Teleperformance contra os despedimentos e os abusos laborais que padecen os/as traballadores/as

Delegadas e delegados da CIG e traballadores e traballadoras de Teleperformance (que presta servizos de atención telefónica para Gas Natural, R ou Iberdrola) concentráronse este mércores nas oficinas da empresa na Coruña en rexeitamento aos últimos despedimentos e contra a política de abusos que padece o persoal. 

Hai dúas semanas, explica Tino Fernández, Secretario da Sección Sindical da CIG, Teleperformance despediu a tres traballadores/as dunha das campañas alegando “baixo rendemento voluntario”. “Pero historicamente esta campaña non dá dato e o que está a facer a empresa é unha ‘limpeza’ de persoal”.

Xunto aos despedimentos, a Sección Sindical tamén denuncia presións e ameazas da empresa “que rozan a ilegalidade”. Fernández indicou que a compañía está a cambiar quendas, horarios e funcións do persoal, camuflando modificacións substanciais das condicións de traballo por modificacións voluntarias, e mesmo se deron casos de presións a traballadores/as que están de baixa médica para que a cambien polos días libres acumulados.

“Isto parécenos moi grave e aínda que legalmente non se poida actuar contra destas medidas, si queremos manifestarlle a empresa o noso desacordo e que saiba que sindicalmente non imos quedar calados/as”, advertía.

Recorte de emprego na plataforma da Coruña

Ao tempo, Fernández lembrou que Teleperformance está a recortar emprego na plataforma da Coruña mentres que oferta postos de traballo nos centros que ten en Portugal. De feito, en 2013 a empresa ofreceu 1.200 postos no país veciño e para este ano ten previsto ofertar outros 1.400. “Hai catro anos na Coruña eramos máis de 700 traballadores/as, pero a día de hoxe somos 550. Perdemos case 200 empregos”, criticou.

A este respecto, o responsábel da Sección Sindical da CIG entende que a empresa está a deslocalizar traballo “de forma barata e evitando saltar o charco”, en referencia aos masivos procesos de traslado a países de América do Sur levados a cabo hai uns anos polas grandes empresas de telemárketing. “A empresa incluso está a contratar persoal do Estado español que pasa de Estremadura ou Castela para Portugal, pero que teñen unhas condicións laborais draconianas, cun salario mínimo de 550 euros e unha presión brutal”, apuntou.

Esta deslocalización tamén está a afectar o volume de traballo da plataforma galega, “pois mentres se incrementan as campañas fóra do estado e tamén noutras delegacións como a de Barcelona, Madrid ou Sevilla, na Coruña temos 200 traballadores/as menos”, alertou. 

 

Este sitio web utiliza 'cookies'. Si continúas navegando estás dando tu consentimiento para la aceptación de las mencionadas 'cookies' y la aceptación de nuestra política de 'cookies'.
o

La Haine - Proyecto de desobediencia informativa, acción directa y revolución social

::  [ Acerca de La Haine ]    [ Nota legal ]    Creative Commons License ::

Principal