lahaine.org
Nacionales Galiza :: 22/02/2015

De novo às ruas para parar a contra-reforma em matéria saúde sexual e reprodutiva e aborto

Diario Liberdade
A Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto sairá de novo ás rúas para amosar o seu total rexeitamento á nova contrarreforma presentada onte polo PP

A Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto sairá de novo ás rúas para amosar o seu total rexeitamento á nova contrarreforma presentada onte polo Partido Popular da Lei de Saúde Sexual e Reprodutiva e da IVE de 2010.

 As organizacións e entidades feministas, partidos e sindicatos que constitúen esta plataforma consideran inadmisible a reforma que pretende levar a cabo o Goberno de Rajoy e anuncian que non permitirán “nin un paso atrás”

O luns 23 de febreiro, ás 20 horas, diante das sedes do Partido Popular das diferentes cidades galegas. Esta é a convocatoria da protesta que fai a Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto unha vez que que onte á mañá coñeceuse a intención do Goberno do Estado do Partido Popular de levar a cabo a reforma da Lei de Saúde Sexual e Reprodutiva e da Interrupción Voluntaria do Embarazo (IVE) de 2010; unha “contrarreforma” que, de novo, presenta o PP ante unha cita electoral co obxectivo de contentar ao electorado máis ultraconsevador e retrógrado.

“Como sempre, o Partido Popular está utilizando os dereitos e liberdades das mulleres como moeda de cambio para tentar gañar unhas eleccións”, aseguraron dende a Plataforma, ao tempo que subliñaron que neste caso o PP está danando gravemente os dereitos das mulleres máis mozas, as de 16 e 17 de anos, ás que ao pretender impoñerlles o permiso dos seus pais, nais ou titores/as para interrumpir o seu embarazo en todos os casos e situacións, incluso nos que na actualide exclúe o artigo 13.4 da Lei de 2010, como son o de violencia intrafamiliar, desamparo ou desenraizamento, “lévanas a abortos clandestinos, co conseguinte risco para a súa saúde”.

Para as organizacións feministas, partidos e sindicatos que integran a Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto, a “contrarreforma” do PP é “totalmente inadmisible” e, polo tanto, “saíremos ás rúas todo o que for preciso, como fixemos co anterior anteproxecto de Gallardón, para evitar que se xogue cos dereitos e liberdades das mulleres máis mozas”. “Non imos consentir nin un paso atrás”, afirmaron dende a Plataforma, ao tempo que engadiron que “o que o PP ten que facer é investir en educación, saúde sexual e prevención se o que realmente quere é evitar os embarazos non desexados, non cargarse os dereitos das mulleres a decidir sobre o seu corpo e a súa maternidade”.

Lugares das concentracións convocadas o luns 23 de febreiro, ás 20 horas:

Compostela: diante da sede do PP
Ourense: diante da sede do PP
Vigo: Farola de Urzaiz
Corunha: diante da sede do PP
Pontevedra: sede provincial do PP
Ferrol: diante da sede do PP

 

Este sitio web utiliza 'cookies'. Si continúas navegando estás dando tu consentimiento para la aceptación de las mencionadas 'cookies' y la aceptación de nuestra política de 'cookies'.
o

La Haine - Proyecto de desobediencia informativa, acción directa y revolución social

::  [ Acerca de La Haine ]    [ Nota legal ]    Creative Commons License ::

Principal