lahaine.org
Nacionales Galiza :: 11/10/2017

[Galego] Manifesto de presentación de Bátega: 'Presente de loita, futuro en común'

Bátega
En Bátega, aquí e agora, pularemos por un movemento revolucionario dende o poder xuvenil.

Raro é o día no que non escoitamos que o que temos que facer agora mesmo é estudar. Que cando teñamos a nosa propia casa e fillas xa mandaremos nas nosas vidas e nas delas. Que a familia é o primeiro e que os problemas da casa quedan na casa. Que se non atopamos traballo é porque non queremos e que nos pasamos o día pensando nos biosbardos e en que cadra o vindeiro festivo. Que temos que saír de festa a romper para esquecer a rutina porque esa é a diversión, o único xeito de pasar un bo rato. Que temos que competir e ser as mellores a costa das demais. Que é moi perigoso voltar soa pola noite. Que algo faría para que el me levantase a man. Que levo a saia moi curta ou moi longa. Que falando en galego non imos a ningures. Que que gracioso é o acento que temos e que á xente de fóra hai que falarlle en castelán e non ser maleducadas. Que aproveitemos que somos mozas para emprender, para explorar mundo. Que collamos as oportunidades que temos porque xa lles gustaría a moitas estar na nosa situación. Que non podemos queixarnos se temos un traballo e que somos novas, non precarias. Que se te gusta unha persoa tes que ir conquistala ou esperar a que te conquiste. Que o ciume é parte do amor. Que o sexo é violento e que tes que facer o que el queira: lamber, quedar quieta ou berrar, que tes que agardar a que pase rápido e ficar calada. Que tes que azoutar, forzar ou correrte na súa cara.

Fartas da apatía e da tristeza, é tempo de que a mocidade tomemos partido. Porque o que nos ofrecen con gravata ou camisola dende escanos é pedir e agardar, nós propomos tomar e facer. Sorrir e avanzar xuntas. Despoxarnos das obrigas e núcleos familiares, da precariedade, da emigración e da submisión. Do paternalismo ideolóxico ao que nos vemos sometidas. Desfacer as formas consumistas e controladoras de relacionarnos e divertirnos para coidarnos rachando co imposto. Aprender que, falar na lingua que escoitamos dende que somos cativas, non é algo polo que teñamos que sentir vergoña. Que formarnos e aproveitar as oportunidades non é illarnos do mundo, senón mellorar a realidade na que vivimos.

É preciso pasar á acción para defender as nosas vidas. A mocidade temos a necesidade de facer tremer o existente, nas nosas vilas e nos nosos barrios. Construamos alternativas en común para combater a miseria, levantemos comunidades e tomemos o que nos pertence. Ocupar, resistir e encher de ledicia é recuperar os nosos territorios. Unidas e organizadas podemos evitar que nos despidan, defendernos de agresores e repartir o traballo.

En Bátega, aquí e agora, pularemos por un movemento revolucionario dende o poder xuvenil. Apostaremos por construír o socialismo dende a base e o feminismo radical e de clase mentres defendemos a nosa terra. Lanzámonos adiante para constituír o proceso de formación da organización revolucionaria da mocidade galega. Impulsaremos coas nosas forzas mecanismos colectivos de emancipación, fortes e radicalmente democráticos. Temos claro que a mocidade debemos estar na vangarda, tomando a acción directa e a solidariedade como ferramentas de clase e empoderamento feminino. O materialismo dános a capacidade de análise, mais está nas nosas mans construírmos unha vida digna de ser vivida.

Presente de loita, futuro en común

 

Contactar con La Haine

 

Este sitio web utiliza 'cookies'. Si continúas navegando estás dando tu consentimiento para la aceptación de las mencionadas 'cookies' y la aceptación de nuestra política de 'cookies'.
o

La Haine - Proyecto de desobediencia informativa, acción directa y revolución social

::  [ Acerca de La Haine ]    [ Nota legal ]    Creative Commons License ::

Principal