Manifesto contra a reforma laboral do PP e en apoio da folga xeral convocada para o 29 de marzo

MANIFESTO:
O Goberno español do PP vén de levar a cabo, a través da reforma laboral, o maior ataque que se fixo desde a transición ao dereito do traballo e ao modelo de relacións laborais até o de agora vixente.
A reforma laboral que acaba de aprobar o PP, e que vai ser tramitada como proxecto de lei no Parlamento español, supón estabelecer unha normativa laboral á carta para as empresas, aceptando así as propostas que hai anos vén defendendo a patronal (CEOE), para impor un marco de relacións laborais totalmente favorábel aos seus intereses, que non só non vai crear emprego senón que vai provocar a substitución de emprego fixo por emprego temporal e pola metade do salario.
O conxunto de medidas que recolle esta reforma van encamiñadas a abaratar e facilitar o despedimento, a reducir salarios e xeneralizar a precariedade no mercado laboral, a baleirar de contido a negociación colectiva como ferramenta en mans da clase traballadora para mellorar as súas condicións de traballo, a facilitar a fraude na contratación, a inflar os beneficios das empresas a través de subvencións con recursos públicos, en definitiva a unha desregulación total do mercado laboral que vai supor unha caída xeneralizada dos salarios, dos dereitos e das condicións de vida da clase traballadora e o seu debilitamento fronte ao capital.
Desde o inicio da crise, os poderes económicos, a través de institucións e partidos políticos ao seu servizo, como é o caso do Banco Central Europeo, Fondo Monetario Internacional, Comisión Europea, PSOE, PP ou CiU, veñen promovendo todo un conxunto de políticas económicas e sociais centradas na redución do investimento público; no recorte do gasto en servizos públicos básicos como o ensino, saúde ou asistencia social, coa conseguinte perda de emprego e na calidade do servizo a cidadanía; na baixada dos salarios; no aumento da idade de xubilación e en dificultar o acceso a unha pensión digna; na privatización de empresas e servizos públicos; no recorte de dereitos á clase traballadora; nun sistema fiscal totalmente inxusto baseado no incremento dos impostos directos á clase traballadora e clase media, no aumento dos impostos indirectos e na redución dos impostos directos aos máis ricos, ao capital; nas axudas multimillonarias á banca ou no fomento da especulación coa débeda pública.
Todo un conxunto de medidas orientadas a afondar aínda máis neste modelo de capitalismo en crise, a transferir rendas do traballo e recursos públicos ao capital, a concentrar cada vez máis o poder económico en mans de banqueiros, grandes construtores, promotores inmobiliarios e especuladores de todo tipo, o que está a provocar recesión económica, incremento do desemprego, maiores desigualdades sociais e máis pobreza.
Diante desta situación tremendamente inxusta e contraria aos intereses da maioría social, as organizacións asinantes deste manifesto esiximos dos gobernos central e autonómico, hoxe en mans do PP, a posta en marcha doutro tipo de políticas que garantan realmente a creación de emprego e unha saída rápida e duradeira da crise económica, nunhas condicións favorábeis aos intereses das clases populares. Estas medidas pasarían por: rematar coa especulación coa débeda pública, garantir financiamento a pequenas empresas e as familias, facer unha reforma fiscal para que paguen máis os que máis teñan, adoptar medidas serias para rematar coa fraude fiscal que cometen moi maioritariamente os bancos e grandes empresas, promover a creación dunha banca pública, facer políticas encamiñadas a crear emprego estábel e con salarios dignos, investir en I+D e en mellorar os servizos públicos, apoiar o tecido produtivo e penalizar a economía especulativa, pleno dereito e competencias de Galiza para decidir en materia de política laboral, industrial, social e económica en xeral.
A nosa firme oposición a estas políticas de recorte de dereitos e de empobrecemento das clases populares, profundamente antisociais e inxustas, xunto coa reivindicación dunhas novas políticas que garantan un reparto máis xusto da riqueza e unha calidade de vida digna para as clases traballadoras galega, é o que nos leva a solidarizármonos e a darmos o noso apoio á convocatoria de FOLGA XERAL EN GALIZA, para o día 29 DE MARZO, que promoven diferentes organizacións sindicais.
ASOCIACIÓN PARA A DEFENSA ECOLÓXICA DE GALIZA (ADEGA)
ASOCIACIÓN DE ESCRITORAS E ESCRITORES EN LINGÜA GALEGA (AELG)
ASOCIACIÓN GALEGA DE HISTORIADORES (AGH)
ASOCIACIÓN SOCIOPEDAGÓXICA GALEGA (ASPG)
BLOQUE NACIONALISTA GALEGO (BNG)
CAUSA GALIZA
COMITÉS
CONFEDERACIÓN INTERSINDICAL GALEGA (CIG)
CENTRAL OBREIRA GALEGA (COG)
CENTRAL UNITARIA DE TRABALLADORES (CUT)
FEDERACIÓN RURAL GALEGA (FRUGA)
FUNDACIÓN BAUTISTA ALVAREZ
GALIZA NOVA
ISCA
LIGA ESTUDANTIL GALEGA
MOVEMENTO POLA BASE (MpB)
MOVEMENTO POLOS DEREITOS CIVÍS (MpDC)
PARTIDO COMUNISTA DO POBO GALEGO (PCPG)
SINDICATO LABREGO GALEGO (SLG)







