Novo máximo histórico ao sumar 276.795 persoas sen emprego

O número de desempregados/as rexistrado en Galiza volveu acadar en marzo un novo máximo histórico ao sumar 2.120 parados/as máis, chegando así até as 276.795 persoas, segundo datos ofrecidos hoxe polo Ministerio de Emprego. Diante desta gravísima situación, a CIG reitera a súa crítica ás medidas de austeridade e control do déficit público practicadas polos diferentes gobernos, que provocan unha destrución acelerada do emprego, e demanda o incremento do investimento público e un apoio decidido aos nosos sectores produtivos.
RecursoOficinaEmprego
En canto a evolución mensual, o número de persoas sen traballo incrementouse un 0,7% con respecto a febreiro, por debaixo do 0,82% de media acadado a nivel estatal. Porén, unha vez máis, a comparativa interanual revela que no noso País a destrución de postos de traballo prosegue imparábel, xa que con respecto a marzo de 2011 o número de desempregados/as incrementouse un 11,5%. É dicir hai 27.549 parados/as máis que nas mesmas datas do pasado ano.
Aínda que marzo, historicamente, vén sendo un mes no que comezan a descender as cifras de desemprego, neste 2012 tan só o sector da construción sufriu un lixeirísimo repunte, ao baixar o número de desempregados/as un 0,06%. Aínda así, a cifra de parados e paradas neste sector en Galiza ascende até as 47.200 persoas. Mentres, no sector da industria e os servizos o número de persoas sen traballo elevouse un 0,6% e un 0,9%, respectivamente.
Cómpre subliñar que o colectivo entre o que máis medra o número de parados/as é o de persoas sen emprego anterior, que xa supera as 30.000 persoas.
Políticas ineficaces
A respecto da contratación, aínda que o breve período temporal non deixa marxe para unha avaliación axeitada, xa comezan a notarse os efectos da agresiva reforma laboral aprobada polo PP, posto que a maioría dos contratos indefinidos asinados en marzo foron ordinarios, e tan só cinco deles se realizaron baixo a modalidade de fomento da contratación indefinida. Neste senso, hai que lembrar que a reforma xeneraliza a indemnización de 33 días por ano traballo cun tope de 24 mensualidades para os despedimentos improcedentes que se estabelecía para esta última modalidade de contratación.
Diante desta gravísima situación a CIG insiste en que a creación de postos de traballo non pasa por un cambio na regulación do mercado laboral –que só busca facilitar man de obra barata á patronal e abaratar o despedimento- nin polo recorte de dereitos da clase obreira. A central sindical reitera a súa crítica ás medidas de austeridade e control do déficit público practicadas polos diferentes gobernos, que xa demostraron a súa ineficacia, provocando unha destrución acelerada do emprego. Por iso, demanda o incremento do investimento público e un apoio decidido aos nosos sectores produtivos, para favorecer a creación de emprego de calidade, no canto de destruílo e de precarizar o existente.







