lahaine.org
Nacionales Galiza :: 24/10/2023

Tensión na mobilización dos bombeiros comarcais en Ourense tras unha carga policial

Nos Diario
O calendario de mobilizacións continuará o 27 de outubro fronte á Deputación da Coruña e o 31 de este mesmo mes ante a Deputación de Lugo. .

Os bombeiros comarcais da Galiza, en folga desde xuño e que a semana pasada decidiron dar liberdade aos traballadores para secundar ou non o paro, continúan o seu calendario de mobilizacións esta segunda feira cunha concentración ante a Deputación de Ourense. Máis de 200 efectivos participaron hoxe desta nova protesta, entre berros de "dimisión", lanzando pintura á fachada do edificio e queimando pneumáticos fronte ao mesmo, no centro da rúa Progreso.

Unha manifestación que chega despois de que o pasada semana se manifestasen ante a Deputación de Pontevedra para demandar mellores condicións. Na mobilización de Ourense desta segunda feira houbo momentos de tensión tras unha carga policial que deixou varios bombeiros feridos.

A rúa encheuse de fume non só coa queima dos pneumáticos, senón co uso de botes de fume, bengalas e petardos. Os máis de 200 bombeiros concentráronse ante a porta da sede institucional, onde se atopaban decenas de antidisturbios que iniciaron as cargas contra o persoal mobilizado.

Un dos bombeiros resultou ferido no nariz ao ser golpeado por un axente. Segundo fontes dos bombeiros, sufriu unha rotura do tabique nasal, polo que foi levado en ambulancia ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense e espera do parte de lesións.

Peticións

Poucos minutos despois o comité de folga presidido por Ángel Moldes, da CIG, foi recibido na institución provincial ourensá polo presidente, Luís Menor. Entre as súas peticións, un convenio colectivo, a nivel galego, unificado para todas as circunscricións segundo a súa profesión; fixeza no emprego de acordo coa doutrina do Tribunal Supremo de xaneiro de 2022; maior dotación de medios técnicos, e maior dotación de recursos humanos.

O calendario de mobilizacións continuará o 27 de outubro fronte á Deputación da Coruña e o 31 de este mesmo mes ante a Deputación de Lugo. Tamén teñen previsto unha manifestación o 17 de novembro en Santiago de Compostela.

Sinalan ademais que está prevista a organización doutra asemblea, o 20 de novembro, para valorar o estado das negociacións e a posíbel adopción de novas medidas como poden ser fechamentos, acampadas en lugares públicos ou folga de fame dos 500 bombeiros dos parques comarcais da Galiza.

 

Contactar con La Haine

 

Este sitio web utiliza 'cookies'. Si continúas navegando estás dando tu consentimiento para la aceptación de las mencionadas 'cookies' y la aceptación de nuestra política de 'cookies'.
o

La Haine - Proyecto de desobediencia informativa, acción directa y revolución social

::  [ Acerca de La Haine ]    [ Nota legal ]    Creative Commons License ::

Principal