[Video y Fotos] A CIG realiza protestas simbólicas nas sete cidades
A CIG realizou este xoves protestas simbólicas nas sete cidades para reclamar dos gobernos español e galego medidas de protección laboral e social para a clase traballadora e esixir que os custes da emerxencia sanitaria non recaian, unha vez máis, sobre as maiorías sociais. As concentracións, nas que participaron sobre dez persoas garandando as correspondentes medidas de seguridade, desenvolvéronse diante da Delegación do Goberno na Coruña, das Subdelegacións de Pontevedra, Lugo e Ourense e nos edificios da Xunta de Galiza de Vigo, Ferrol e Santiago de Compostela.
O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, explica que a central acordou realizar estas accións de carácter simbólico "despois de semanas de achegar propostas, reclamacións e denuncias que non son atendidas nin polas administracións nin polas empresas". Por iso, aseverou, "hoxe estamos aquí para reivindicar o cobro do paro e dos salarios, porque a falta de ingresos está a empobrecer moito máis ao conxunto do pobo traballador; medidas de protección social para todas as persoas sen exclusións nin discriminacións; un control estrito do cumprimento das medidas de seguridade do persoal que está a traballar; e respecto polos dereitos e liberdades civís"