lahaine.org
Nacionales Galiza :: 02/11/2021

A CUT ante a función da reforma laboral

CUT Galiza
A política posmoderna consiste na imposición da realidade aparente sobre a realidade existente.

A política posmoderna consiste na imposición da realidade aparente sobre a realidade existente. Constátase a existencia dun perverso xogo dialéctico que pagará a clase traballadora, xa que o goberno do Estado dirixe todos os seus esforzos ao triunfo do aparente ao tempo que nós, na realidade existente, debemos afrontar condicións progresivamente máis precarias.

A afirmación tan repetida e escoitada de que temos o goberno “máis progresista da historia” é criticada, incluso dende a esquerda máis combativa, pola aseveración de “ser progresista”, cando en realidade debe ser criticado polo concepto “historia”. O goberno pode ser o máis progresista da historia, pero de que historia? Obviamente non é a historia da clase traballadora, é a historia do capitalismo, onde tamén existe a dialéctica entre capitalismo malo e capitalismo menos malo, e nesa dialéctica, dentro da súa historia, o goberno pode considerarse progresista. Para as que non acreditamos no capitalismo coma noso modelo histórico perde todo valor que sexa clasificado como progresista. A súa non é a nosa historia.

Este goberno, progresista ou non, é un goberno que aposta pola realidade aparente, por facernos crer que o seu discurso casa coa realidade ata o punto de que parte do pensamento de esquerdas cre que aboliron a lei mordaza, a reforma laboral, investiron no público… clara proba do triunfo do aparente. A función do goberno consiste en escribir unha obra teatral na que eles son os protagonistas indiscutibles do ben común (do que renegan) divida en diferentes actos onde aparecen coma vítimas da malvada dereita (a mesma que comparte con eles os valores económicos), ou onde escenifican pelexas entre eles para logo, noutro acto, reconciliarse no bico.

Neste xogo situamos a eterna derogación da reforma laboral que ía ser dende xaneiro do ano 2020, hai case dous anos. Pouco ou nada se fala dos contidos, o debate sitúase de novo na apariencia de si Yolanda Díaz é unha gran defensora da clase traballadora ou de si Nadia Calviño é a voceira dos bancos; cando a realidade é que son as dúas caras da mesma moeda: a da traizón á clase traballadora.

Os medios de comunicación do sistema, ben adestrados na creación de ficcións informativas, contribúe creando tensión ante o cumio que vén de Sánchez-Díaz-Calviño, pero en realidade de aí non sairá nada que nos interese, tan só chismes para a prensa do aparente. O contido da reforma laboral xa está decidido dende o eixo do poder, eles só están aí para lexitimalo e tinxilo, neste caso, de “progresista”. Os fondos da UE están para alimentar as cotas de plusvalía das empresas, a clase traballadora está para pagar a factura e parte desa factura ímola pagar (ao igual que os ERTE e demais medidas “progresistas” da COVID) coa reforma laboral. Na nosa man está asistir como espectadores a esta función ou asumir o compromiso de botar abaixo o escenario para esmagar a realidade aparente e facer visible a existente. En definitiva, para retomar a historia.

 

Este sitio web utiliza 'cookies'. Si continúas navegando estás dando tu consentimiento para la aceptación de las mencionadas 'cookies' y la aceptación de nuestra política de 'cookies'.
o

La Haine - Proyecto de desobediencia informativa, acción directa y revolución social

::  [ Acerca de La Haine ]    [ Nota legal ]    Creative Commons License ::

Principal