lahaine.org
Nacionales Galiza :: 24/12/2014

Organizacións e colectivos estudantís convocan folga o 26 de Febreiro

Sermos Galiza
Organizaciones y colectivos estudiantiles convocan huelga el próximo 26 de febrero

As organizacións estudantís galegas, xunto con outros colectivos e asembleas, chaman a parar o 26 de Febreiro as universidades e escolas na defensa do ensino público e contra a "miseria, precariedade, a falta de recursos e de espectativas" que están a promover os gobernos de Madrid e da Xunta. 

A convocatoria, lanzada por Agir, Comités e a Liga,Acción Universitaria, AEOP, ARDE, Asemblea Aberta de Lagoas, Asemblea Campus Histórico, Asemblea Campus Sur, Asemblea EcoAde, Asemblea de Estudantes de Burela, Asemblea Estudantil do Couto, Asemblea Filoloxía, Asemblea FP Politécnico e CEL.  parte dun proceso "diálogo, debate e deliberación asemblearia" na que confluíron as organizacións estudantís, colectivos e asembleas asinantes. No manifesto conxunto chaman a "berrar cunha soa voz" contra a precariedade laboral entre o profesorado e os recortes no ensino público. 

"Opoñémonos xuntas a que nos quiten as bolsas, a que endurezan os requisitos para obtelas mentres recortan e deixan a campus e institutos en situacións dramáticas, cunhas infraestruturas avellentadas e cun profesorado que cada vez é menos e cunhas condicións de traballo máis duras", explican no texto difundido através dos seus portais web. 

Aliás, salientan a súa defensa dun "ensino público e de calidade" que tire das aulas "o patriarcado" e promova unha educación "en igualdade".
Cumprido protagonismo queren darlle nesta xornada de loita a situación lingüística que atinxe Galiza. O descenso do número de falantes, alertan, sitúa a lingua galega na "peor crise da historia" polo que exixen, din, "un ensino monolingüe" que sexa tamén "científico" e "popular".

Organizacións estudantís asinan un manifesto conxunto

Pola súa banda, as organizacións estudantís Agir, Comités e Liga, asinaron un manifesto conxunto no que chaman o estudantado galego a se mobilizar e baleirar os centros de estudo fronte o contexto actual marcado, din, por unha crise económica que é usada como "pretexto" para "abafar" as maiorías sociais mentres "enche os petos das elites políticas e económicas". 

No manifesto pendurado nos seus portais web as organizacións estudantís da esquerda independentista e nacionalista aseguran que "o ensino non é alleo a esta situación" como reflicten as "políticas da tesoira".
"Estes continuos ataques ao ensino público denótanse na redución e endurecemento das bolsas xerais, das axudas para libros de texto e do material escolar, na eliminación das axudas para comedores escolares e, en xeral, na redución da calidade e precariedade da situación laboral das traballadoras", afirman. 

E é que para o vindeiro ano 2015 a Xunta de Galiza recortará un 20% os orzamentos destinados ao ensino así como se prevé a aplicación da Estratexia Universidade 2015 que se suma ao Plan Boloña instaurado nos últimos anos. "Adaptan as aulas e os plans de estudo a unha situación na que a única saída para as mozas que rematan os seus estudos son a emigración ou a escravitude", denuncian as organizacións estudantís. "Impóñennos miseria, precariedade, esíxennos esforzos e sacrificio, mentres eles aumentan os seus beneficios e manteñen intacto o statu quo á nosa costa". 

Neste senso, instan o estudantado a "construír desde as rúas un ensino verdadeiramente público e galego" e a "non ficar caladas mentres destrúen o pouco público que queda" mais tamén a "loitar" por un "ensino popular, científico, antipatriarcal e galego". 

 

Fe de grallas. Este artigo foi editado após a súa publicación. Por erro atribuíuse a convocatoria inicial ás organizacións estudantís e díxose que con posterioridade se adheriran a ela outros colectivos e asembleas. Porén, a convocatoria partiu dun proceso de debate previo no que todos os axentes estudantís participaron en pé de igualdade.

 

Este sitio web utiliza 'cookies'. Si continúas navegando estás dando tu consentimiento para la aceptación de las mencionadas 'cookies' y la aceptación de nuestra política de 'cookies'.
o

La Haine - Proyecto de desobediencia informativa, acción directa y revolución social

::  [ Acerca de La Haine ]    [ Nota legal ]    Creative Commons License ::

Principal